miércoles, 27 de octubre de 2010

O famoso Roudtrí a Mormonlandia




Demasiado fai xa que fixemos a viaxe e aínda non publicara nada. O motivo: non poder sacar os vídeos da cámara aínda (haberá que esperar a Nadal, cando pille o software en Vigo).

O Xoves día 7 de Outubro Jeff e mais eu subímonos ao seu Infinity e pegámonos unhas sete ou oito horas de 'roudtrí' ata Park City (Utah), unha cidade preciosa como podedes ver nesta foto sacada de Mr. Intelné,



e fogar do famoso festival de cine de Sundance.
Ao día seguinte pillamos ao colega Rob (de California, como as noces) e fómonos ao pobo de Kamas, unha viaxe ao pasado como nunca vivín no que os ranchos tiñan caveiras de touro adornando os enreixados e mentres comiamos aquí:



as camionetas aparcadas na porta deixaban entrever todo tipo de armas. Que engadir sobre o pobo? Hamburguesas graxentas, limoada de máquina na que un cartel indicaba un contido de '0% juice', e bochudos malotes que decoran os seus vehículos con adhesivos enxalzando a figura de HesúCristo.

Pola noite visitamos o Templo Mormón de Salt Lake City (ver foto do principio) onde nos pasamos un anaco meténdonos un pouco cun nativo ao falarlle galego a 45 rpm (estaba pechado, algo había que facer).
Ao día seguinte o coleguilla deu unha charla sobre drogadicción nun instituto/centro xuvenil e pola tarde volvémonos ao templo onde, esta vez aberto, trataron de converternos varias veces. Por poñervos un exemplo, a cousa funcionaba así:

Dúas rapazas: Ola, que vos parece o templo?
Nós: precioso.
Unha rapaza: tes fe en Xesucristo noso señor?
Eu: non, son ateo.
A outra: como atravesas os momentos difíciles?
Eu: uso a cabeza ou tomo prestada a fe do meu amigo (sorríndolle a Jeff).
Rapaza: aaaah.... Ti si tes fe en Xesucristo noso señor.
Jeff: non, eu son xudeu.
Rapazas: (pasito para atrás) ah. Pois que ben. Cambiando de tema...


Like a boss.

Pola noite saímos de marcha en Salt Lake City, a cidade máis triste do mundo (bonita, iso si). Un total dunhas vinte persoas nunha discoteca grande na que non podías bailar e beber ao mesmo tempo (un cristal e un segurata encargábanse diso). Apagados polo percal, ímonos ao piso de abaixo, zona gótica, onde sete persoas (tal cual) que desentoaban completamente coa capital mormoa, bailaban por separado, con eles mesmos. No centro da sala, un bailarín recordaba perigosamente a Buffalo Bill en 'O Silencio dos Cordeiros' bailando ao son de 'Goodbye Horses'. Obviamente, fómonos.

Antes de deixar Utah pasámonos por casa do ex-rabino de Jeff e por unha Igrexa da Cienciología onde nos deron un DVD (moi simpáticos, pena que estean como cabras) explicativo. Esa tarde montámonos nos coches Jeff, Rob e mais eu e tiramos cara a Denver, pero a metade de camiño o coche de Jeff morreu e pasámonos máis de cinco horas tirados nunha saída da autoestrada xunto a un cadáver de cervo. Tras varios capítulos de Doutor Who e o DVD de Cienciología, descubrimos que a falta de luz en metade da nada de Wyoming nos regalaba o ceo máis cheo de estrelas que xamais vise. Totally worth it.


Chama ó seghuro!

Esa noite volvemos para durmir na casa duns amigos (Rob e Jeannette) tras unha parada rápida en Taco Bell. Ao día seguinte (día de Colón/Columbus Day) regresamos á casa.

jueves, 7 de octubre de 2010

R4t0m0rt0 e o 'roudtrí' ó Estado de P-Utah


Onte fomos ao concerto de Deadmau5 no teatro Fillmore. Foi unha loucura. Ademais de ter as súas propias luces (custa un pastón mandalas dun lado para outro, pero vese que as tiña en Denver dende había tempo), a nova máscara tamén se lle ilumina, xa que dentro ten cámaras que lle mostran o que pasa fóra cando está a pinchar. Esta noite toca de novo e non podemos ir, pero non por nada malo, senón que touca ROADTRIP!
Utah espéranos!

Aquí déixovos uns links ao concerto que vimos onte (xa o subiron ao TiTube). Ollo á máscara cando se lle debuxan ollos e boca cara ao minuto 5 do primeiro link.

http://www.youtube.com/watch?v=K4j3gYKf_VY
http://www.youtube.com/watch?v=ECHs146qruc

martes, 21 de septiembre de 2010

Arte definida

Sobre a liberdade de expresión na arte e por que é universal.

Preguntóusenos na clase pola diferenza da liberdade de expresión no fala e na arte. Eu falei sobre a universalidade da arte, pero logo quedei pensando e cheguei ás seguintes definicións persoais:

Se segundo Antoine de Saint Exupery no libro do Principiño o máis importante non se ve senón co corazón, xa que é invisible aos ollos, eu defino:

* A arte é a ciencia de poñer os pelos de punta levada á práctica.
* A arte é un dicionario sensorial.
* A arte é a ortografía da alma, que non coñece gramáticas.
* A arte é a voz melódica cuxo ritmo vén marcado polo metrónomo do corazón.
* A arte é a fotografía do que hai dentro de todos e cada un de nós (non é unha radiografía, graciosos).

domingo, 19 de septiembre de 2010

Falcón Negro e os guiris sobre rodas


Dato irrelevante: seica os estadounidenses seguen sendo guiris aínda que volvan á casa. Unha empresa de pinturas en Denver ten un cartel grandísimo no que se le claramente: http://www.guirys.com .

Este finde sentiámonos con sorte e achegámonos a Black Hawk (sen derrubar), o pequeno Las Vegas (Las Veigas pronunciado aquí) de Colorado. Como pobre exemplar, soamente gastei en beber algo mentres vía como os meus colegas perdían diñeiro.

As fotos non son miñas, senón do Señor Interné, pero mostran ese estraño pobo sen casas nin restaurantes: soamente casinos e os seus respectivos hoteis. Todo isto, en medio das montañas, onde non hai nada máis. Aínda así, autobuses non paran de chegar cheos de vellos con ganas de gasta-los cuartos nos comecartos. Parque Xeriátrico indeed amigos. Nunca vira un sitio onde as plazas ocupadas fosen as de minusválidos e as outras estivesen tan baleiras.

Ata outra.

sábado, 4 de septiembre de 2010

Fotos de Denver á noite





Estas son as vistas que me reciben ao saír de clase.












Este é o centro das artes escénicas de Denver.













Unha pequena galería anterior a un patio de restaurantes.


















O 'ceo estrelado' de Larimer Street.












E ata aquí a miña achega de hoxe. Durante a semana espero tomar fotos do que vén sendo o campus da universidade e algo máis que vaia vendo por aí.

De Vigo a Denver

E cun cambio de imaxe comeza a miña andanza documentada por esta terra afastada. Adeus bigote e benvido un 'look' ao máis puro estilo 'Morgan' no Ano da Carracha (aquí rematan as similitudes co personaxe).
Agora espéranme unhas horas de estudo e traballo de clase, pero confío en poder darme unha volta coa cámara pola cidade de Denver para tentar amosar a que será a miña cidade durante o próximo par de anos.


Aquí déixovos unha canción que escribín hai un par de noites, preso da morriña:

Ruxen os ventos

Laian as pingas de orballo nos fentos

E laio eu se penso

Na miña Galiza en calquera momento


Desta saudade

Quen me vai gardar

Desta saudade

Lonxe do meu lar


Sons dunha terra

Que amence tan cedo

Que cando está en tebras

Eu sombra non teño


Desta saudade

Quen me vai gardar

Desta saudade

Lonxe do meu lar


Dos ríos ás fontes

Que viu Rosalía

Eu envexo os montes

Que gardan a Ría


Asubío as cantigas

Que os meus aturuxan

Ninguén se me amiga

Ninguén cantarruxa